11.26.2009

"Barro de Medellín", no club de lectura

O 14 de decembro teremos a sesión presencial do club de lectura Auga da Laxe para falar de Barro de Medellín, de Alfredo Gómez Cerdá, unha novela protagonizada por dous nenos, Camilo e Andrés, que percorren as rúas do seu barrio na cidade de Medellín mentres falan do seu futuro e reflexionan sobre a propia cidade. A pesar da difícil situación familiar e da presión de ter que conseguir cada día as botellas de augardente que bebe o seu pai, Camilo é feliz en Medellín co seu amigo Andrés. Ao seu carón, o parque biblioteca do seu barrio chamará por eles como unha tentación próxima e distante ao mesmo tempo.

Nesta fotografía pódese ver o barrio de Santo Domingo Savio, onde transcorre a historia da novela, co metrocable do que tanto falan Camilo e Andrés e a imaxe poderosa da biblioteca. En Medellín construíronse en diferentes barrios parques biblioteca para reforzar a educación e a cultura. Se queredes saber máis sobre este proxecto de parques biblioteca, podedes pinchar aquí.

Estamos seguros de que a lectura de Barro de Medellín vos vai crear un vínculo de interese con esta cidade colombiana, un vínculo que sente tamén Alfredo Gómez Cerdá, quen no seu blog fala das súas impresións ao regresar á cidade de Medellín para presentar esta novela.

Aquí vos deixamos tamén algúns vídeos sobre o proxecto dos parques biblioteca de Medellín.


Jean Alexis, niño guía turístico en la Biblioteca Santo Domingo Savio from Francisco Cárdenas on Vimeo.









Podedes picar en comentarios e deixarnos as vosas impresións sobre a novela ou sobre a información que vos achegamos nestes materiais sobre a cidade de Medellín e os seus parques biblioteca.

Etiquetas: , ,