3.31.2011

Palabras de Caramelo

O próximo luns, 4 de abril, teremos unha nova sesión do club de lectura Auga da Laxe. Nesta ocasión o libro proposto é Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure, unha novela que nos presenta a relación de amizade entre Kori, un neno saharauí xordomudo de oito anos, e un camelo. Unha historia de silencios e palabras, de conversas coas mans e co corazón, de amizade e de dor. Unha historia que nos levará ata Smara e que nos permitirá achegarnos á vida cotiá dos campamentos de refuxiados de Tinduf, onde vive o pobo saharauí, ese pobo que Gonzalo Moure visita con frecuencia nunha relación tamén de amizade, que o levou a participar en proxectos tan fermosos como o Bubisher. Alí, en Smara, é onde Kori vai á escola e devece por aprender a escribir.

Etiquetas: , , ,

12.14.2010

A mansión dos Pampín

A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, será a lectura proposta para a próxima sesión do club de lectura Auga da Laxe, que terá lugar o luns, 20 de decembro, de 15:00h a 17:00h. Nesta ocasión achegarémonos a un álbum de banda deseñada no que se fala de caos urbanístico e de feísmo arquitectónico en clave de humor, unha interesante proposta que formou parte do Proxectoterra, promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Na biblioteca tedes exemplares ao voso dispor.

Tamén se pode ler aquí e mesmo pode verse en Vimeo unha versión dramatizada, realizada desde o IES Ferrolterra.

Etiquetas: , , ,

5.26.2010

21 relatos contra el acoso escolar

O próximo 31 de marzo ás 15:00h teremos a última sesión do club de lectura deste curso. Propuxemos a lectura de cinco relatos do libro 21 relatos contra el acoso escolar:

"Aprende", de Espido Freire.
"La diferencia", de Lola Beccaria.
"¿Conocéis a Silvia?", de Marta Rivera de la Cruz.
"Tú, no", de Martín Casariego.
"Sueño cumplido", de Ana Alonso.

Con esta proposta queremos darlle continuidade ao proxecto Derrubando valados que iniciamos no 2º trimestre coa lectura de Valados, de Agustín Fernández Paz, reforzado logo con traballos desenvolvidos desde diferentes materias arredor da existencia de valados físicos na nosa sociedade. Centrámonos agora nos valados invisibles, eses que marxinan e discriminan aínda que non se vexan fisicamente.


Etiquetas: , ,

3.04.2010

Valados, de Agustín Fernández Paz



Este pasado luns 1 de marzo celebramos a sesión trimestral do club de lectura do instituto. O libro escollido nesta ocasión foi Valados, de Agustín Fernández Paz. A sesión, na que participamos 16 alumnas e 12 profesores e profesoras, comezou na cafetería cun xantar compartido e continuou logo na biblioteca, onde lemos e comentamos o folleto que preparamos para a sesión, vimos unha presentación de imaxes e textos sobre os valados no mundo, lemos o poema "Irmaus" de Celso Emilio Ferreiro e comentamos o libro. Falamos de moitos aspectos: do acerto de que a historia estea enfocada desde a perspectiva de dous nenos, da importancia de que prevaleza o esforzo por comunicarse a pesar dos valados e de todas as dificultades, das ilustracións de Xan López Domínguez, do final aberto, etc. Tamén falamos doutras cousas que non están no libro, pero que xurdiron a partir da lectura: os valados que existen ao noso redor, no propio instituto por exemplo. Unha sesión interesante e unha lectura das que provocan moitas reflexións.

Etiquetas: , ,

11.26.2009

"Barro de Medellín", no club de lectura

O 14 de decembro teremos a sesión presencial do club de lectura Auga da Laxe para falar de Barro de Medellín, de Alfredo Gómez Cerdá, unha novela protagonizada por dous nenos, Camilo e Andrés, que percorren as rúas do seu barrio na cidade de Medellín mentres falan do seu futuro e reflexionan sobre a propia cidade. A pesar da difícil situación familiar e da presión de ter que conseguir cada día as botellas de augardente que bebe o seu pai, Camilo é feliz en Medellín co seu amigo Andrés. Ao seu carón, o parque biblioteca do seu barrio chamará por eles como unha tentación próxima e distante ao mesmo tempo.

Nesta fotografía pódese ver o barrio de Santo Domingo Savio, onde transcorre a historia da novela, co metrocable do que tanto falan Camilo e Andrés e a imaxe poderosa da biblioteca. En Medellín construíronse en diferentes barrios parques biblioteca para reforzar a educación e a cultura. Se queredes saber máis sobre este proxecto de parques biblioteca, podedes pinchar aquí.

Estamos seguros de que a lectura de Barro de Medellín vos vai crear un vínculo de interese con esta cidade colombiana, un vínculo que sente tamén Alfredo Gómez Cerdá, quen no seu blog fala das súas impresións ao regresar á cidade de Medellín para presentar esta novela.

Aquí vos deixamos tamén algúns vídeos sobre o proxecto dos parques biblioteca de Medellín.


Jean Alexis, niño guía turístico en la Biblioteca Santo Domingo Savio from Francisco Cárdenas on Vimeo.









Podedes picar en comentarios e deixarnos as vosas impresións sobre a novela ou sobre a información que vos achegamos nestes materiais sobre a cidade de Medellín e os seus parques biblioteca.

Etiquetas: , ,

3.25.2009

As vosas recomendacións de lecturas

Neste espazo, picando en "comentarios", podedes deixarnos as vosas recomendacións de lecturas para compartir. Con elas poderedes conseguir, ademais, bibliopuntos e sobres de cromos para o álbum Os ríos de palabras de Agustín Fernández Paz.

Etiquetas: , , ,

2.26.2009

4x4, lectores e lectoras todoterreo

Abrimos aquí este espazo para aqueles grupos de catro alumnas e alumnos que se animen a participar na actividade 4x4, lectores e lectoras todoterreo. Na biblioteca tedes 20 lotes de catro libros do mesmo título para que os collades en préstamo, os leades e logo nos deixedes aquí as vosas opinións e comentarios.

Etiquetas: , ,